Distopías Cotiás

Alfonso, tes que perdoar

Posted in opinión, política by distopias on Xullo 24, 2009

Os actos institucionais que se están a celebrar este ano con motivo do Día da Patria prometen ser aptos só para os estómagos máis resistentes. Ver a Feijóo levar con toda seriedade e sentimento unha ofrenda foral a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres pode ser o exemplo máis visible.

Ata ver a Fraga (ministro da ditadura responsable de que o histórico galeguista morrera exiliado) nestes actos resultaba menos repulsivo. Á fin e o cabo, durante o seu longo mandato, acadáronse consensos en materia lingüística, se respectou un estatuto de nacionalidade e se promoveu (aínda que fose de xeito meramente folclórico) a identidade galega. Feijóo, nos poucos meses que leva no poder, rachou todo consenso e provocou unha enorme división entre os galegos, convertindo a língua e a cultura do noso país en motivo de enfrontamento.

Hoxe, o presidente da Xunta é un monicrece controlado por grupúsculos relacionados coa extrema dereita (é interesante ver os apoios que ten detrás Galicia Bilíngüe, máis de un sorprenderíase) e dirixe un goberno que semella ter esquencidas as súas prioridades (a crise e o desemprego, os conflitos coma o do metal, as solucións para o naval, a prevención dos lumes, etc.) e adoptado como único obxectivo derogar todo o feito polo bipartito nos últimos catro anos, especialmente todo aquelo que teña algo de identitario e de representativo do país (as Galescolas mudarán de nome e de identidade corporativa só por levar a bandeira do país, cousa inadmbisible neste “novo réxime”).

Non digo que, co apoio electoral recibido, non estean lexitimados para facer isto. Á fin e o cabo, son de xeito destacado o primeiro partido de Galicia. Pero cando menos deberían deixar de empregar o termo “galeguistas” para definirse.

Porque son todo o contrario, son todo aquelo contra o que Castelao combatiu. Todo aquelo que o levou a morrer en Bos Aires 60 anos atrás. Síntoo, Alfonso. ¿Quén lle abriu a porta a esta xente?

Etiquetado con:, , , ,

Unha foto para calalos a todos

Posted in opinión, política by distopias on Xullo 23, 2009

Seis anos despois. Segunda lexislatura do actual goberno. E este segue sendo o principal argumento empregado para rexeitar as críticas a Zapatero (o mesmo ten que sexan críticas á política social, económica, educativa, relacións exteriores…). Non hai máis que ver a repercusión desta ¿nova? en Menéame.

Pódense rexeitar de moitos xeitos as críticas polo asunto Xibraltar (entre outras cousas, porque eu penso que España debería coller a súa “histórica reclamación” dobrala e gardala dunha puñetera vez no caixón… e logo sentar a falar co Reino Unido e a Unión Europea para poñer coto aos paraisos fiscais en territorio comunitario), pero rexeitar as críticas empregando sempre o mesmo tedioso argumento da guerra de Iraq resulta cada día máis infantil e ridículo.

Iraq foi un erro de proporcións colosais, pero estamos a falar doutro tempo político, outro contexto e outros líderes políticos. A ninguén se lle ocorrería agora sacar a colación ós GAL ou ós fondos reservados como argumento contra o actual goberno de Zapatero (supoño). O PP e Aznar xa pagaron caro o seu erro (illados durante anos e na oposición uns, e converténdose nunha caricatura andante o outro), e coido que o tempo desgastou suficientmente ese tipo de argumentos.

P.D: sobre o post que reavivou o tema…   habería que lembrarlle ó autor cal foi a posición do xornal El Mundo sobre a guerra e o papel de España…

Etiquetado con:, , , ,